| Blog

O 'think tank' de San Simón

Redactado por Rafael Alberto Perez el Martes, 8 de Junio 2010 a las 11:35

Publicado en El Correo Gallego el 06.06.2010

A illa da ría de Vigo aspira a converterse nun centro emisor de pensamento e de debate
O proxecto Estrategar abre o histórico enclave á produción de ideas e á creatividade


Na Illa de San Simón caben moitas illas. Demóstrao a propia historia deste enclave, unido umbilicalmente aos areais de Cesantes, epicentro da ría de Vigo e topos destacado dunha senlleira cantiga de Meendinho, Sediame eu na ermida de San Simón, que é, en por si, unha cifra destacada da lírica medieval galego-portuguesa.

Recinto conventual, desde o século X, e lazareto marítimo que catapultou o crecemento do porto de Vigo, ao que estaba adscrito, San Simón foi tamén un espazo para as tebras e para a dor, ao acoller, despois do golpe militar de 1936, un infamante presidio franquista. ¿Pero cal deses reflexos de San Simón é o que permanece con máis forza na espellada superficie da ría? Esa é a espiñenta e apaixonante pregunta que o proxecto integral Illa do Pensamento deberá resolver, de aquí en diante, dotando o arquipélago redondelán dunha entidade e dunha función específica.

O primeiro chanzo dese labor será a radicación na illa, o vindeiro mes de xullo, do Proxecto Estrategar, un foro internacional que aspira a converter San Simón nun novo think tank, un tanque de pensamento que -abeirando outros aspectos máis económicos ou xeopolíticos- centre o seu interese na comunicación, na cultura, na educación e na creatividade, coa aspiración de facer do histórico lugar un punto de traballo e de reflexión, un foro emisor de debate e pensamento e un centro activo de produción artística e cultural.

O Proxecto Estrategar coordínano o doutor coruñés, profesor emérito da Universidade Complutense de Madrid, Rafael Alberto Pérez, presidente, ademais, do Foro Iberoamericano sobre Estrategias de Comunicación (FISEC) e o xornalista científico Eduardo Martínez de la Fe, director do portal web Tendencias 21, en colaboración coa Fundación Illa de San Simón, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, e da que é director-xerente Francisco Xavier Alonso González.

Co consello de Morin

Co asesoramento metodolóxico do pensador e antropológo francés Edgar Morin, pai da teoría do Pensamento Complexo, que visitará a illa no vindeiro outono, o proxecto Estrategar ten xa nomes propios para a súa primeira cita. Trátase do prestixioso filósofo da educación colombiano Guillermo Hoyos, fundador do Instituto Pensar da Universidade Javeriana de Colombia e destacado divulgador das teorías do sociólogo e filósofo alemán, Jürgen Habermas. Canda el, a neurocientífica coruñesa Susana Martínez Conde, directora do Laboratory of Visual Neuroscience do Barroww Neurological Institute de Phoenix, en EEUU, Galega de Marzo do Grupo Correo Gallego en 2006.

Entre o 2 e o 4 de xullo terá lugar na Illa a residencia deste proxecto. En total intervirán nas xornadas entre cincuenta e sesenta expertos de 18 disciplinas, máis de vinte universidades e 12 países diferentes.
tendencias@elcorreogallego.es

Unha illa aberta
•••A cultura e a diversidade debuxan unha programación coa que, segundo Xavier Alonso, se quere lograr que en 2011 "San Simón quede definitivamente aberta ao mundo e a todos os galegos".
•••Concertos, foros literarios, os premios Xerais, a recuperación dos premios Martín Codax, campamentos ou festivais como Sinsal ou Espazos Sonoros conflúen na programación da Illa.
•••A memoria é outra das caras do poliedro. Desde a illa trabállase con colectivos e asociacións da memoria histórica para continuar coa homenaxe aos presos políticos recluídos en San Simón. O novo portal web, www.illadesansimon.org, acollerá ademais un arquivo virtual sobre a represión na illa.

OS PROTAGONISTAS

Guillermo Hoyos
Filósofo, humanista e fundador do Instituto Pensar en Colombia
Docente das principais universidades de Colombia, Hoyos é un destacado humanista, filósofo da educación e divulgador das teorías do sociólogo e pensador Habermas.

Susana Martínez-Conde
Neurocientífica do Barrow Neurological Institute de Phoenix, EEUU
Destacada investigadora galega no ámbito de la neurociencia, Galega de Marzo en 2006 do Grupo Correo Galleo, participará en xullo na vindeira cita do Proxecto Estrategar.
Destacada investigadora galega no ámbito de la neurociencia, Galega de Marzo en 2006 do Grupo Correo Galleo, participará en xullo na vindeira cita do Proxecto Estrategar

Rafael Alberto Perez

| Martes, 8 de Junio 2010

| Comentarios